Guizán, en Mos, acolle este ano o concurso de playback Centrovisión
O vindeiro sábado, día 6 de xullo, celebrarase o festival musical de playbacks Centrovisión. Este ano a asociación encargada de organizar o evento de Centrovisión é a A. R. C de Guizán, o día 6 de xullo ás 22:30 horas no campo de fútbol que está situado ao lado do seu Centro Cultural.
Centrovisión é un concurso de playbacks sen ánimo de lucro que se celebra de forma anual entre oito asociacións culturais da provincia de Pontevedra; cada ano realizándose nunha asociación distinta. As asociacións que participan no evento son: A. C. de Xunco de Parderrubias (Salceda de Caselas), C. C. de Santa Eulalia de Mos (Mos), Os Penediños de Atios (Atios), C. C. A Forna de Budiño (Porriño), C. C. San Fins de Rebordans (Tui), A. A. V. V. San Salvador de Torneiros (Porriño) e A. R. C. de Guizán.
O grupo de playback da asociación anfitriona este ano, a A. R. C. de Guizán, chámase Noite Meiga e foi creado no ano 2002 por varios membros da directiva do centro. Neste momento o número de compoñentes ronda os 50, divididos en tres categorías: pequenos, medianos e maiores. Ten actuacións por diferentes centros culturais e festas da provincia de Pontevedra e participa en concursos como Emgroves na Toxa e Tes Talento en Porriño. O seu repertorio vai dende as baladas máis emotivas, ata as cancións mais cómicas, e dende as máis antigas ata os temas máis actuais. Nos eventos anteriores do musical Centrovisión esta agrupación conseguiu diferentes premios en todas as categorías.
Características do certame
Centrovisión é un concurso de playbacks (imitación de cantantes con baile) divido en tres categorías: Categoría A (0 -12 anos), Categoría B (13 -25 anos) e Categoría C (a partir de 25 anos). Cada ano soen participar neste certame musical ao redor de 500 compoñentes. Cada centro cultural presenta unha actuación por categoría que un xurado composto por tres membros valora. O xurado está composto por unha persoa adicada ao mundo da interpretación, outra adicada ao mundo do baile e outra adicada ao mundo do estilismo, que valoran interpretación, baile e vestiario respectivamente; outorgando tres trofeos por categoría (primeiro, segundo e terceiro postos).











