Gran acollida en Gondomar dos talleres e exposicións do Centro Ocupacional Juan María

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+
Un instante dos talleres

Un instante dos talleres

Durante cinco días, o parque da rúa Urzáiz de Gondomar acolleu as exposicións e talleres do Centro Juan María de Parada, de Nigrán.

Previo ao peche da actividade, na xornada de onte, o alcalde do municipio, Fernando Guitián e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Patricia Durán, xunto cos nenos e nenas do Gondoverán, visitaron os stands que o Centro Ocupacional Juan María de Parada tivo instalados no municipio.

Grazas a colaboración do Concello de Gondomar, os usuarios do Centro puideron achegar aos veciños e veciñas do municipio o seu traballo. Ademais dos talleres, tamén estivo aberta unha mesa de información sobre o Centro e un posto de exposición e venta dos produtos elaborados polos propios usuarios.

Mari Santos, directora dos Centros de Día e Ocupacional Juan María, afirma estar moi satisfeita co resultado. “Todo foi estupendo. Constatamos que cada vez máis xente nos coñece e participa da nosa actividade. Todos responderon moi ben, incluso os nenos máis pequenos que tiveron a súa primeira experiencia no trato con xente con discapacidade”. “Isto anímanos a continuar e seguir na liña da inclusión, polo que para o ano repetiremos experiencia”, afirma.

Do mesmo xeito,  agradece enormemente a colaboración do Concello. “Estamos moi satisfeitos co resultado e co apoio por parte do Concello que nos axudou en todo o que precisamos”.

Vida en comunidade

A actividade, que tamén visitou os concellos de Baiona e Nigrán, inscríbese dentro do proxecto Vida en comunidade, que pretende ofrecer aos usuarios dos centros Juan María, con discapacidade intelectual, un espazo no que divulgar e concienciar á sociedade de todas as súas habilidades e calidades.

Vida en comunidade, botou a andar en xullo do pasado ano. Mari Santos explica que: “no pasado ano o que pretendemos foi trasladar á rúa as actividades que se desenvolven no centro. Nesta ocasión, este ano quixemos dar un paso máis e conseguir interactuar coa comunidade organizando visitas de grupos ao stand para facilitar a relación entre as persoas, independentemente das súas características”.

19 de xullo de 2013 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.