Gondomar vivirá unha fin de semana marcada pola Festa do Socio en Vilaza, Tonhito de Poi e os Blue Jeans
A programación cultural da Concellaría de Cultura do Concello de Gondomar organiza para este domingo 28 de xullo a Festa do Socio en Vilaza. No marco desta celebración, a parroquia gozará dun domingo cheo de música, onde tamén haberá espazo para o teatro e o cine. Ás 13.00 horas, a Banda de Música Infantil de Vincios ofrecerá un concerto para os veciños e veciñas da parroquia no Centro Cultural. Pola tarde, será quenda para o teatro coa peza Tecendo mentiras, que dará comezo ás 18.00 horas. Como broche final, sesión de cine con Las chicas de la 6ª planta, ás 22.30 horas.
Programación cultural do fin de semana
Por outra parte, a Concellaría de Cultura continúa coa programación cultural do municipio. Este venres 26, Moxenas Musical Galego actuará, ás 22.30 horas, no marco do ciclo Noites na Praza da Alameda. O sábado 27 tomará o relevo o integrante de Heredeiros da Crus, Tonhito de Poi, co seu último disco O soro da verdade, ás 22.30 horas.
Para rematar, e como todos os domingos dende xuño, continúa o ciclo Concertos na Praza Paradela, ás 12.30 horas. Nesta ocasión, será o grupo local Blue Jeans quen ofrecerá un acústico para presentar o seu primeiro disco, Estereotipos; álbum que conta coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Gondomar.











