Gondomar recibe aos nenos saharauis que pasarán o verán no Val Miñor

Recepción aos rapaces saharauís
O alcalde do municipio, Fernando Guitián e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Patricia Durán recibiron este fin de semana, na Casa Consistorial, aos nenos saharauis que pasarán o verán no Val Miñor xunto ás súas familias de acollida nun acto de recepción no que estiveron presentes tamén representantes da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
A estancia de menores saharauis no Val Miñor inscríbese dentro do programa ‘Vacacións en paz’, posto en marcha pola asociación galega Solidariedade co Pobo Saharaui hai preto de vinte anos.
Desta vez, son 12 os nenos e nenas que se beneficiarán deste programa. Deles, 6 ficarán en Gondomar, 4 en Nigrán e 2 en Baiona. Aínda que a actual situación económica non favorece a estas actuacións, o delegado da asociación no Val Miñor, Enrique Porto, agradeceu a colaboración do Concello neste programa, un apoio que se reafirma ano tras ano.
‘Vacacións en paz’ persegue proporcionar aos menores durante os dous meses de estancia en Galicia asistencia médica (a asociación conta cun convenio co Sergas nesta materia), a cobertura das necesidades alimenticias e ofrecerlles unha convivencia familiar e educación. Cómpre destacar que os meses de verán, que son os que os nenos pasan no Val Miñor, no deserto do Sahara as condicións acadan dimensións extremas, con temperaturas que poden pasar dos 50 graos centígrados.











