Gondomar recibe 34 solicitudes de licenza de venda ambulante para o mercado dos luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+

Dende que no pasado mes de maio, o Concello de Gondomar informase da convocatoria para a adxudicación de autorizacións para a instalación de postos de venda ambulante no mercado municipal dos luns, foron 34 as solicitudes presentadas no Rexistro municipal.

Nestes momentos, as solicitudes recollidas están a ser revisadas e, de cumprir cos requisitos expostos na ordenanza de venda ambulante do Concello, ocuparán 34 postos dos 38 ofertados.

Unha vez se outorguen as respectivas licenzas procederase á reorganización do propio mercado, outorgando a cada posuidor de licenza o seu respectivo posto definitivo. Do mesmo modo, o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Juan Carlos González Camesella, informa de que “aqueles vendedores que exerzan a venda neste mercado e non solicitaran previamente a súa licenza deberán deixar de exercer a súa actividade no devandito mercado”.

Con esta medida adoptada polo Concello de Gondomar, Camesella atende a un dos puntos fixados no seu programa electoral regulando este mercado e dá, así, cumprimento á Lei de Comercio Interior de Galicia, a cal regula este tipo de mercados.

29 de xullo de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.