Gondomar proxectará un documental do Corpus dentro da programación cultural na fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+

A Concellaría de Cultura, que dirixe Ignacio Troncoso, dentro da súa programación para o verán, organiza para este fin de semana tres citas nas que a danza e a música serán os protagonistas.

O venres 19 de xullo, ás 22.30 horas a Praza da Alameda será o escenario do espectáculo radiovisual ‘Na Ponte…ao vivo’, conducido polo locutor de radio e músico, Xurxo Souto. ‘Na Ponte…ao vivo’ é un programa radiovisual en directo que vai mostrando o labor de Ponte nas ondas! ao longo de dúas décadas. O espectáculo combina a fórmula radiofónica con conexións audiovisuais e actuacións musicais en directo.

Pechará o programa a proxección dun documental sobre o Corpus gondomareño, cuxa produción foi solicitada polo propio Concello co obxectivo de agradecer a todos os veciños e veciñas a súa colaboración nesta festividade. O documental, de aproximadamente 40 minutos, fará un minucioso percorrido polas xornadas previas ao Corpus e recollerá as impresións dos alfombristas en entrevistas. Nel poderase ver as maratonianas xornadas de esfolle, a recollida da flor, o laborioso traballo de confección das tradicionais alfombras florais e o seu espectacular resultado.

O sábado 20 de xullo, será ocasión para gozar da danza co Festival de Danza Paradela, que terá lugar dentro das actividades de Noites na Praza da Alameda ás 22.30 horas.

Finalmente, o domingo 21 de xullo, será a música a que amenice os veciños e veciñas do municipio. Os Concertos na Praza Paradela reciben a Banda de Música Municipal de Baiona que actuará dende as 12.30 horas.

17 de xullo de 2013 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.