Gondomar acolle o Campionato de Galicia 2013 BTT-XCO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesGondomarLocal
A-
A+
Presentación da proba

Presentación da proba

Logo de cinco anos consecutivos, o Concello de Gondomar volve a apostar pola competición de BTT na modalidade de XCO-Cross Country Olímpico, colaborando, nesta ocasión, co Club Ciclista Bici Verde na organización do Campionato de Galicia 2013 BTT-XCO e coa Comunidade de Montes de San Bieito.

Na tarde de onte tivo lugar a presentación deste Campionato de Galicia 2013 BTT-XCO – VI Trofeo BTT Concello de Gondomar, que terá lugar o domingo 14 de xullo, desde as 10.00 horas, no Monte Comunal San Bieito e na que se espera que participen máis de 150 ciclistas de todas as categorías do mountain bike de Galicia.

 No acto estiveron presentes Natalia Salgueiro, concelleira de Deportes do Concello de Gondomar, Xosé Antón Fernández, directivo da Comunidade de Montes de San Bieito, Esteban Lorenzo, Presidente do Club Bici Verde e Alberto Pedreira, corredor elite do Club Ciclista Bici Verde, vencedor absoluto da pasada edición do Trofeo BTT Concello de Gondomar.

A proba e o circuíto

A competición disputarase nas categorías Junior, Cadete, Máster 40, Máster50/60, Fémina Elite/Máster, fémina Junior e Femina Cadete. A hora de saída desta primeira carreira será as 10.00 horas. A segunda proba, na que participarán as categorías Elite/Sub 23, Senior e Máster 30, dará comezo ás 12.00 horas.

O circuíto de 5 km do Monte Comunal de San Bieito, con algunhas variacións para dar máis espectacularidade á proba, proclamará os novos campións galegos da especialidade, que viaxarán a próxima semana aos Campionatos de España en Panticosa (Huesca).Tras o remate da competición, que se prevé arredor das 13.30 horas, realizarase un sorteo de agasallos por cortesía de XTREMBIKE, BICI O CON e ANCA.

Finalmente, ás 14.00 horas procederase á entrega de premios en metálico, medallas e maillots. Aos vencedores de cada categoría faráselles entrega do maillot de campión/a de Galicia e dun ramo de flores. Os tres primeiros clasificados de cada unha das categorías obsequiaráselles cos trofeos e medallas correspondentes.

O Campionato de Galicia contará coa presenza destacada dos mellores “bikers” do panorama nacional. O corredor de Maceda, Pablo Rodríguez Guede, actual campéon de España sub 23, a corredora deVilaboa, Lucía Vázquez Crespo, elite feminina, vixente campioa do Open de España e o elite vigués, Antonio Ferreiro Pajuelo, o mellor corredor nacional da modalidade de descenso. Todos eles están a competir actualmente en Copas do Mundo de mountain bike con resultados entre os dez primeiros “scratch”.

13 de xullo de 2013 | 10:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.