Gondomar abre as portas da Escola de Verán
A Escola de Verán de Gondomar abriu as súas portas o pasado luns e estará en marcha durante os meses de xullo e agosto.
Este curso de reforzo, organizado dende a concellaría de Educación en colaboración coas academias de estudo do municipio, está dirixido a mozos e mozas de 3º, 4º da ESO e Bacharelato e ten carácter gratuíto.
Durante dous meses, os alumnos e alumnas recibirán clases de todas as materias escolares facendo fincapé naquelas máis difíciles para eles como adoitan ser matemáticas, física e química, lingua, etc.
Cada alumno contará cun plan personalizado en función das súas necesidades no que se abordará, tanto a recuperación de materias cara setembro en cursos de ESO e Bacharelato, como o reforzo en competencias básicas e a aprendizaxe de técnicas e hábitos saudables e eficaces de estudo.
O obxectivo destas clases de reforzo escolar é potenciar a capacidade do alumno, a través da motivación e o traballo diario, para mellorar o seu rendemento en clase. Coa axuda dos profesores e o traballo diario e continuo, o alumno farase responsable do seu propio progreso.
Paula Bouzós, concelleira de Educación, resalta a boa participación na actividade e agradece aos profesores da Escola de Verán o seu traballo co que espera “consigamos reducir, na medida dos posible, o absentismo escolar”.











