“Galicia saudable” preséntase nos cursos estivais da Universidade Internacional Menéndez Pelayo

José Ramón Lete Lasa durante a presentación
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participou hoxe no Curso da Universidade Internacional Menéndez Pelayo Obesidade e Sedentarismo: Qué se pode e se debe facer?.
No marco da súa intervención, Lete Lasa fixo un percorrido sobre o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física, Galicia Saudable dende os seus inicios ata o momento actual, remarcando o seu carácter transversal, coordinado e participado polos distintos departamentos da Xunta de Galicia afectados e por expertos e profesionais de diversas disciplinas. Segundo apuntou o secretario xeral, “a extensión da actividade física require de grandes doses de transversalidade para poder chegar, dende distintas saídas, a todos os sectores e a todas as xeracións de galegos e galegas”.
Galicia Saudable -tomando como eixe central o fomento da actividade física-, é a ferramenta da Xunta de Galicia para loitar contra o incremento do sobrepeso, a obesidade e as enfermidades crónicas non transmisibles na nosa sociedade, fomentando a adquisición, en todas as idades, de hábitos de vida activa e saudable.
Lete Lasa relacionou tamén a actual situación do plan, e que se centra na posta en marcha e consolidación das ferramentas de uso compartido para os axentes de Galicia Saudable (GaliciaActiva, o programa DAFIS, a plataforma de xestión de programas, etc.), así como nas actuacións que se están a realizar.
No relatorio destas actuacións de Galicia Saudable, o secretario xeral fixo especial fincapé nas de carácter educativo, levadas a cabo no marco do plan Proxecta da Consellería de Educación: o Proxecto Deportivo de Centro (que pretende converter ao centro educativo nun centro promotor de vida activa e saudable, a través da análise dos recursos existentes, do traballo en equipo con outras entidades e co desenvolvemento de actividades e accións de carácter integral e transversal); o programa Xogade (que procura que a actividade física chegue a ser un hábito diario na poboación escolar, orientando a súa práctica non solo cara ao deporte competitivo, senón tamén cara a actividade física, o exercicio físico ou o deporte orientado á saúde); e Máis e Mellor Actividade Física (acción transversal, compartida e común das materias de Coñecemento do Medio e Educación Física que promove hábitos de vida activa e saudable a través do incremento da actividade física realizada dentro do horario lectivo da materia de Coñecemento do Medio: sempre de común acordo, o profesorado comparte unha hora semanal da materia de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, dedicándoa á realización dunha programación de actividades que, partindo dos currículos educativos de ambas materias e respondendo ás comúns necesidades e intereses das mesmas, se realicen a través de tarefas que supoñan actividade física).
Pechado o curso 2012-2013, os datos de participación de sendas actuacións educativas do Galicia Saudable -actualmente en proceso de avaliación-, son, segundo apuntou o secretario xeral, 29 centros inscritos no Proxecto Deportivo de Centro, 193 centros no XOGADE e 52 centros no Máis e Mellor Actividade Física.











