Furto nas instalacións da piscina municipal de Neda
As instalacións da piscina municipal de Neda foron obxecto a pasada fin de semana dun roubo. Alertados polo Concello de Neda, axentes da Garda Civil desprazáronse no día de onte ao lugar para comprobar os danos rexistrados. Fundamentalmente, os ladróns destrozaron a porta de entrada e forzaron a caixa rexistradora na que se gardaba a recadación. En torno aos dous mil euros. O Concello condeou estes sucesos, que xa investiga a Garda Civil, e apura os traballos para arranxar os desperfectos.











