Frades organiza unha excursión infantil para visitar o Parque Zoolóxico Marcelle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesLocal
A-
A+

O Concello de Frades organiza unha excursión infantil ao parque zoolóxico Marcelle Natureza (Outeiro de Rei), que terá lugar o vindeiro venres 26 de xullo. Marcelle Natureza é un espazo natural que permite ao visitante coñecer algunhas das especies animais que habitan os distintos lugares do planeta, dende os guanacos, llamas e ñandús suramericanos aos bisontes e wapitis norteamericanos, pasando polos emúes e canguros australianos. Canda eles, os rapaces e rapazas de Frades poderán ver tamén especies autóctonas como o lince ibérico, o oso pardo ou o lobo ibérico.

O Concello de Frades subvencionará o autobús de transporte ata Outeiro de Rei, que sairá da casa consistorial ás 10 da mañá. Os prezos da actividade son de 10 euros (menores de 12 anos) e de 15 euros (adultos), xa que inclúen unha visita guiada ao parque de Marcelle, cuxa gran densidade forestal e o río Miño permiten a realización de roteiros de grande riqueza natural con guías e monitores especializados. A formación especializada destes profesionais garante un maior aproveitamento da visita, pois adaptan os contidos e actividades a realizar aos intereses de cada grupo.

O prezo da actividade non inclúe o xantar, polo que os veciños e veciñas de Frades poden optar por levar o xantar da casa ou acudir ao bar do parque. As inscricións deberán realizarse no Concello de Frades ou no teléfono 981 69 55 67 antes deste venres 19 de xullo. Esta será a terceira visita a un parque zoolóxico que organiza o Concello de Frades nos últimos anos e que sempre rexistrou unha gran participación, especialmente entre os máis novos da casa. As anteriores excursións tiveron como destino os parques zoolóxicos de Vigo e de Paderne.

16 de xullo de 2013 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.