Flores informa a veciños e comerciantes do comezo das patrullas a pé da Policía de Barrio no Ventrorrillo

Charla ante veciños e comerciantes
O Tenente de Alcalde de Seguridade, Julio Flores, acompañado polas concelleiras Carmen Hervada e Susana Pazo e polo Xefe da Policía Local, reuniuse coa Asociación de Veciños do Ventorrillo, encabezada pola súa presidenta, Rosa Barreiro, así como con representantes do centro comercial da zona, para anunciar o despregamento de patrullas a pé da Policía de Barrio no Ventorrillo: “Cando presentamos o balance do primeiro ano da Policía de Barrio, anunciamos que este ano se incluirían cinco novos barrios no labor que desenvolven as patrullas a pé”. “Os responsables da Policía de Barrio -continuou o representante municipal- decidiron que o Ventorrillo se une aos 16 barrios que contan con patrullas a pé na actualidade”.
Flores sinalou que se patrullará a pé en todo o barrio, pero especialmente nalgúns puntos e en determinados horarios, contando co apoio de patrullas tanto en moto coma en radiopatrullas 092. “Así, encargaranse de vixiar a entrada e saída no CEIP María Barbeito ou de vixiar o estacionamento de vehículos en Mosteiro de Caaveiro e Rodrigo A. Santiago, fronte á oficina de Correos, atendendo ás peticións efectuadas polos representantes veciñais e dos comerciantes”, afirmou.
Na reunión, Flores informou do balance da actividade do primeiro ano de traballo da Policía de Barrio, que permitiu incrementar a presenza da policía local nos barrios. “A media diaria de policías locais que prestan servizo nos barrios pasase de 50 en 2011 a 83 policías no primeiro trimestre de 2013”, sinalou Julio Flores, quen destacou que “tamén o programa de policía comunitaria nos permitiu que os mandos da policía local mantivesen 39 reunións con representantes veciñais e 35 reunións con centros escolares, para coñecer de primeira man a situación relacionada coa seguridade cidadá e coa seguridade vial”.
A presidenta da Asociación de Veciños do Ventorillo, Rosa Barreiro, e os representantes do centro comercial da zona negaron tallantemente a existencia de ningún problema de inseguridade na zona do centro comercial, tal e como afirmaron os partidos da oposición. Os representantes dos establecementos comerciais manifestaron o seu malestar polo risco que estas falsas acusacións poidan causar no novo proxecto que se esta xestionando para relanzar o centro comercial. Pola súa banda, Flores sinalou que ninguén entende que se presenten firmas denunciando un problema cando “nin sequera falaron nin cos representantes do centro comercial nin cos representantes veciñais”, polo que realizou un chamamento aos partidos da oposición para que recuperen a cordura e que deixen de prexudicar ao barrio coas súas falsas acusacións de inseguridade cidadá.
DATOS DE EMPREGO
Sobre a evolución dos datos de emprego, Flores cualificou de boa noticia a creación de emprego na cidade. “Continúan os bos datos en España, en Galicia e, sobre todo, na nosa cidade. Hai case 1.800 persoas máis traballando dende o mes de xaneiro na nosa cidade e iso dános ánimos para seguir traballando dende o Concello e seguir achegando o noso granito de area dende todas as concellarías na xeración de emprego. O investimento en gasto social, en infraestruturas, en rehabilitación, o Pacto polo Emprego, o plan de comercio local, o plan de turismo ou o investimento en ocio ou en cultura, son importantes para colaborar en que estes bos datos de emprego se manteñan no tempo”.
Por último, o Voceiro municipal enviou unha mensaxe de solidariedade e de ánimo aos traballadores da Fábrica de Armas. “A Xunta e o Concello seguen crendo na Fábrica de Armas e imos seguir pelexando para lograr un novo proxecto a pesar do abandono de Xeneral Dynamics”, indicou. ” Se algo aprendemos dos traballadores é a non botar a toalla a pesar das dificultades e polo tanto, imos seguir unidos na busca dun novo proxecto industrial que facilite a continuidade da actividade na factoría”, finalizou.











