Ferrol investiu 34.000 euros en traballos de mellora e mantemento en San Xoán
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o barrio de San Xoán onde mantivo un encontro de traballo cos representantes veciñais para repasar os traballos de mellora e mantemento acometidos na zona ao abeiro do Plan de Barrios. Na reunión coa directiva veciñal tamén participaron os concelleiros de Servizos e Urbanismo, Borja Carro Muñoz e Guillermo Evia Pérez, respectivamente.
O rexedor municipal sinalou que gracias ao Plan de Barrios “estanse a solventar deficiencias na cidade que levan anos sen atenderse, e ademais, permite unha mellor coordinación dos servizos municipais co que se benefician todos os barrios”. “Este plan municipal de mellora dos barrios xorde dende a convicción de que todas as zonas requiren a atención do Concello de Ferrol e permite garantir a presenza municipal en todas as zonas por igual, tanto nos barrios céntricos como nos do extrarradio e nas parroquias do rural”, dixo Rey Varela. Ao fío disto, engadiu que “Un bo traballo periódico de conservación e de posta ao día evita maiores gastos por iso é moi importante o mantemento ordinario na cidade”.
As tarefas de mellora e mantemento acometidas no barrio de San Xoán polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello están valoradas en case 34.000 euros. Así, o alcalde de Ferrol resumiu as actuacións máis destacadas levadas a cabo estes días en San Xoán ao abeiro do Plan de Barrios.
– Un total de 18 intervencións no aglomerado do Camiño Basanta, do Souto e do Campo de Chao e Froitel. Ademais de reparacións das beirarrúas do Camiño Basanta. As actuacións de mantemento de viarios continuarán coa reparación de beirarrúas nas rúas Cabanas e Río Porto.
– Limpeza e baldeo a fondo de todo o barrio a cargo dos traballadores de Urbaser. Ademais de lavado e reparación de contedores e papeleiras e a comprobación de rexas e sumidoiros en toda a zona.
– Tarefas de pintado e sinalización viaria na zona San Xoán-Igrexa, nas rúas Cabalo Branco e Chousa. De maneira máis concreta, foron trazados 11 stops, 10 pasos de peóns, 3 cedas ao paso, cebreados en isletas e liñas continuas e descontinuas.
– Limpeza de 77 postes de luz.
– A empresa Emafesa realizou tarefas de mantemento tanto correctivo como preventivo e control de calidade: reparación de dúas tuberías, detección de fugas, revisións de válvulas e arquetas, inspección de bocas de rego e hidrantes, limpeza de sumidoiros e finais de redes; e monitoreo de presións e analíticas.
– Traballos de mantemento de zonas verdes, e limpeza de 8.068 metros cadrados na rúa Venezuela, Toxos e Froles, Praza Jorge Borrow, Camiño do Barbeito, Praza de Rosalía, rúa Cadaval, Río Xubia, Escorial, San Xoán Filgueiras e praza de San Xoán.
– Reposición de 90 barrotes en bancos na Praza Toxos e Froles e Camiño do Barbeito. Ademais da instalación de tres bancos e o pintado de dous máis no parque infantil de San Xoán.
– Revisión do funcionamento e o estado dos xogos nos Parques Infantís Rosalía de Castro, rúa Pedro Padrón, Praza Toxos e Froles e San Xoán de Filgueira. Ademais da realización dunha limpeza xeral en cada un deles.
Novas actuacións
Durante a súa visita a San Xoán, o rexedor ferrolá tamén avanzou dúas novas actuacións que se executarán proximamente. A primeira consiste na mellora da rúa Río Xubia, que será acometida no último trimestre do ano. O segundo dos anuncios feito polo alcalde en San Xoán é a mellora do Camiño de Basanta. O Concello terá listo antes de que remate o presente exercicio o expediente de expropiación para a reurbanización deste viario. O compromiso do alcalde é que as obras en Basanta podan ser unha realidade neste mesmo mandato, para o que se prevé un investimento de 600.000 euros.











