Ferrol formaliza os convenios de colaboración con Manos Unidas e a Fundación Meniños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro, vén de formalizar dous novos convenios de colaboración, neste caso no ámbito da atención á infancia. Os acordos subscritos pola Administración municipal son con Manos Unidas e a Fundación Meniños, que percibirán unha achega das arcas locais dun total de 2.000 euros, 1.000 euros para cada unha delas.

No que atinxe á entidade Manos Unidas, o acordo de cooperación permitirá a realización do proxecto “Campaña de Solidariedade e Sensibilización”. O obxecto do convenio é favorecer a sensibilización da sociedade local na loita contra a fame, a través da distribución de material didáctico polos colexios con unidades específicas para o ensino de Educación Infantil, Primaria e Secundaria e do reparto de material impreso co lema e obxectivos sobre a campaña contra a fame nas parroquias da Diócese de Mondoñedo-Ferrol e novamente nas escolas.

Pola súa banda, a sinatura do convenio de colaboración coa Fundación Meniños permitirá executar o proxecto “Convivimos”. Este acordo de cooperación ten por obxecto a realización dunha serie de actuacións de carácter educativo e preventivo no eido escolar, familiar e social, co obxectivo común de promover na infancia unha convivencia baseada nos valores do respecto á diversidade, e da igualdade en dereitos e responsabilidades.

Ao respecto destes dous novos acordos que ven de formalizar a Administración ferrolá con Mans Unidas e Meniños, a titular de Benestar Social manifestou que “a vontade do Goberno Municipal é contribuír á mellora da convivencia dos colectivos que teñen unha especial vulnerabilidade”.

3 de xullo de 2013 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.