Ferrol formaliza os convenios de colaboraciòn con Afal e a Asociación de Celíacos de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social, asinou dous convenios de colaboración coas asociacións AFAL e a de Celíacos de Galicia – Delegación de Ferrol, por un importe conxunto de 4.200 euros. Dos cales, 3.000 euros correspóndense coa achega municipal á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAL), e os 1.200 restantes á Asociación de Celíacos de Galicia. Estas dúas entidades centran as súas intervencións no ámbito sanitario.

No que atinxe á asociación AFAL Ferrolterra, o acordo de cooperación permitira o desenvolvemento do proxecto “Terapias en Sociedade 2013”. O convenio ten por obxecto evitar o illamento persoal e social que sofren os enfermos de Alzheimer e outras demencias cara a favorecer unha vida social e cultural dinámica como elemento clave para conseguir unha maior normalización do Alzheimer e a demencia na sociedade. A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro sinalou que “trátase polo tanto de alcanzar unha participación social externa ao Centro de Día, potenciando os procesos de autonomía, autoestima e o mantemento das súas capacidades físicas e mentais permitindo o goce de espazos nos que poidan decidir por si mesmos”. O programa realizará accións informativas e formativas coas familias e o voluntariado que permitan o coñecemento da enfermidade, posibiliten o acompañamento nas diversas saídas terapéuticas e favorezan as relacións interpersoais, así como saídas terapéuticas enfocadas conforme aos obxectivos previamente establecidos.

Pola súa banda, a sinatura do convenio de colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia – Delegación de Ferrol axudará á publicación dunha guía “Preguntas e respostas sobre a enfermidade celíaca”. Este acordo de cooperación ten por obxecto a publicación desta guía para disipar moitas dúbidas e incertezas que hai entorno á enfermidade celíaca. A publicación será repartida no IES de Formación Profesional Leixa, e tamén se realizarán charlas en diferentes lugares (no propio Concello de Ferrol, nos Centros Socioculturais, Centros de Saúde , Casa da Muller, etc).

9 de xullo de 2013 | 15:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.