Ferrol e Narón asinan un convenio de colaboración para o servizo conxunto de aluguer de bicicletas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrolLocalLocal PortadaNarón
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e o rexedor naronés, Xosé Manuel Blanco Suárez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a posta en funcionamento do servizo conxunto de aluguer e préstamo de bicicletas, que agora deberá saír a concurso para a súa adxudicación. No acto de sinatura estiveron tamén presentes o concelleiro de Servizos e Medio Ambiente do Concello de Ferrol, Borja Carro Muñoz, e o concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Sanidade do Concello de Narón, Manuel Ramos.

Na súa intervención, Rey Varela sinalou que os obxectivos deste acordo de cooperación entre os dous municipios son impulsar o uso da bicicleta como medio de transporte urbano, sobre todo cando son desprazamentos de curta distancia, e  ofrecer un mellor servizo público aos veciños ferroláns e naroneses. “Grazas a este convenio os usuarios poderán coller a bicicleta en calquera das nove estacións que existen en Ferrol e depositalas nas de Narón, e viceversa” dixo. En consecuencia, a rede de bicicletas e o número de unidades dispoñibles veranse incrementadas ate ao redor de 150 unidades.  Así, o importe total da prestación de mobilidade ascenderá a un  máximo de 104.000 €, do que Ferrol aportará 66.000 € e Narón investirá 38.000 € o que permitirá un gran aforro ás arcas públicas dos municipios tendo en conta que por separado a cidade ferrolá gastaba 89.000 € e o municipio naronés 50.000 €, aproximadamente. “Poderemos ofrecer un mellor servizo a un menor prezo” matizou o primeiro edil ferrolán.

Pola súa banda, o alcalde de Narón sinalou que a firma deste acordo era unha demostración de como queren facer as cousas os dous Concellos, “colaborando e participando nos temas que interesan aos veciños por enriba de calquera outro condicionante”.

15 de xullo de 2013 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.