Ferrol contribúe con Aspaneps no desenvolvemento dos programas “Ponte no meu lugar” e “Intervención psicosocial de apoio a familia”
O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, vén de formalizar un convenio de colaboración coa Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (ASPANEPS). A través deste acordo, o Concello de Ferrol contribuirá á realización dos proxectos “Ponte no meu lugar” e “ Intervención psicosocial de apoio a familia”.
A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, explicou que este convenio permitirá fomentar a tolerancia, solidariedade e sensibilidade social da poboación infantil do termo municipal; e reforzar e potenciar os recursos do contorno familiar e social que permiten satisfacer as necesidades de protección, coidados, control e supervisións dos menores de idade. De xeito máis concreto, o programa “Ponte no meu lugar” ten como obxectivo sensibilizar e fomentar nos nenos/as o respecto antes as diferenzas individuais, así como, promover a relación e a cooperación con persoas con discapacidades como un xeito de coñecerse.
Así mesmo, a iniciativa de “Intervención psicosocial de apoio a familia” pretende dar orientación e asistencia a familias con dificultades psicosociais en canto á socialización dos seus fillos; e apoiar ás familias en diferentes momentos do ciclo vital e nas etapas críticas do desenvolvemento dos nenos. O primeiro programa, seguirá unha metodoloxía activa-participativa-vivencial a través dun protocolo de derivación, mentres que o dirixido ao apoio á familia será levado a cabo mediante entrevistas semiestruturadas e o uso de cuestionarios e material psicométrico. A Administración municipal achega 20.000 euros coa sinatura deste convenio de colaboración para a posta en marcha destes dous programas.











