Ferrol contribúe coa asociación sociocultural de minusválidos no desenvolvemento dun programa de intervención en urxencias sociais
O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, asinou un convenio de colaboración coa Asociación Sociocultural de Minusválidos (ASCM), presidida por Ángel Garate Roca. A través deste acordo, o Concello de Ferrol contribuirá á realización dun programa de intervención en urxencias sociais na cidade.
A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, explicou que este convenio permitirá o funcionamento da liña de atención telefónica, apoio e acollida de contido social; a realización de desprazamentos por parte do persoal da entidade ao lugar, tanto domicilio particular como a vía pública, onde poden atender a situación de emerxencia social; o servizo de acompañamento de persoas ao equipamento que mellor responda ás súas necesidades de emerxencia; a aplicación de recursos dispoñible para remediar situacións de emerxencia; o establecemento de protocolos de derivación aos servizos sociais; a recollida de datos e información de intervención, e tamén o procesamento de ditos datos.
A Administración municipal achega 40.000 euros coa sinatura deste convenio de colaboración para a continuidade deste programa de intervención en urxencias sociais que está operativo de luns a domingo, en horario de 22:00 a 8:00 horas, durante todo o ano.











