Ferrol colabora coa Cámara de Comercio nun programa que creará e consolidará empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol e a Fundación Incyde. O primeiro edil estivo acompañado pola presidenta da entidade ferrolá, Ana Dolores Prego Rodríguez; e do director xeral da devandita fundación, Javier Collado Cortés.

Na súa intervención, o rexedor municipal sinalou que este acordo de cooperación “é moi importante porque permitirá a creación e consolidación de empresas, ademais da mellora da xestión empresarial”. Neste sentido, Rey Varela explicou que o programa, que contempla accións de formación e asesoramento, desenvolverá iniciativas dirixidas ao autoemprego e creación de empresas. Outro dos obxectivos do acordo asinado esta mañá é descubrir e fomentar proxectos empresariais que permitan mellorar e o tecido empresaria, de tal xeito que este sexa  máis acorde coas novas estruturas tecnolóxicas e organizativas. Para cumprir estas finalidades, realizarase un programa de formación para a creación e consolidación de empresas, incluído dentro do Programa Operativo de Adaptabilidade e Emprego do Fondo Social Europeo (FSE). O importe total para os cursos de formación ascende a 45.000 euros, dos que o Concello de Ferrol achega 9.000 euros e o restante correrá a cargo dos fondos europeos. “Os obxectivos son comúns entre a Cámara, a Fundación Incyde e o Concedllo de Ferrol, por iso espero que este convenio poida ser o comezo doutras iniciativas e que a Cámara sexa un referente para a cidade”, sinalou o alcalde.

Pola súa banda, a presidenta da Cámara de Comercio de Ferrol, Ana Dolores Prego Rodríguez, explicou que “unha das misións máis importantes da Cámara é o fomento das dotacións empresariais ademais do traballo diario no establecemento de programas para novos emprendedores e de mantemento de empresas xa consolidadas”. Así, dentro desta liña de actuación a entidade conta cun técnico específico de emprendemento que atende ao longo do ano a centos de emprendedores. Ademais, Prego Rodríguez quixo agradecer a receptividade do Concello na firma do convenio: “esperemos que sexa o principio dunha nova etapa de colaboración no establecemento de novos programas dentro da nosa comarca”, dixo.

Por último, o director xeral da Fundación Incyde Javier Collado Cortés, agradeceu ao Concello “a oportunidade de traballar de maneira conxunta polo emprego e pequenas e medianas empresas”, ao tempo que destacou “a importancia que o alcalde está a dar a políticas de mellora das condicións laborais e de fomento do emprego”.

4 de xullo de 2013 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.