Ferrol colabora coa A.E.C.C. para a rehabilitación e dinamización dos enfermos
O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, vén de asinar, un convenio de colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (A.E.C.C.). Este acordo entre a Administración municipal e a entidade social permitirá a realización do proxecto “Obradoiros de rehabilitación e dinamización dos enfermos de cancro”. O Concello de Ferrol mantén un convenio estable coa Asociación Española contra o Cancro dende o inicio deste mandato, xa que anteriormente non existía esta colaboración que agora ten un carácter estable ao abeiro do Plan de Oportunidades.
A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, explicou que o obxectivo do convenio é contribuír á mellora da calidade de vida dos enfermos de cancro a as súas familias. O proxecto desenvolverá actividades como o obradoiro de autocoidado para a prevención do linfoma en mulleres operadas de cancro de mama cunhas medidas preventivas (exercicios respiratorios, exercicios de ombro, medidas posturais); obradoiro de exercicio físico fronte á fatiga oncolóxica xa que as persoas sometidas a tratamento de cancro deben recibir un adestramento físico de baixa intensidade, para evitar a fatiga e o desgaste corporal; e obradoiro de risoterapia co obxectivo de proporcionar aos asistentes técnicas diferentes para a xestión do estrés a través da risa.
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol contribuirá a este proxecto de rehabilitación e dinamización dos enfermos de cancro coa cantidade de 1.000 euros.











