Ferrol autoriza as terrazas en tramos das rúas María, Magdalena e Pardo Baixo
O Concello de Ferrol volve autorizar aos establecementos de hostalería situados en certos tramos das rúas María, Magdalena e Pardo Baixo a instalación de terrazas durante os meses de verán. O obxectivo desta iniciativa é contribuír á dinamización do sector e, ao mesmo tempo, animar as rúas do centro da cidade durante o período estival, segundo sinalou hoxe o concelleiro delegado de Economía, Facenda e Recursos Humanos, Alejandro Langtry Caínzos.
Así as cousas, Langtry Caínzos informou que os fins de semana de xullo e setembro estarán parcialmente pechadas ao tráfico as rúas antes citadas entre as 12.00 horas do venres e as 24.00 horas do domingo. En agosto, que é cando teñen lugar as Festas de Verán de Ferrol, a instalación de terrazas estará permitida durante todos os días do mes, de luns a domingo. Os tramos das rúas en que os hostaleiros poden pedir permiso para a instalación de cadeiras e mesas son a rúa María, entre Terra e Concepción Arenal; a rúa Magdalena, entre Terra e Rubalcava; e a rúa Pardo Baixo. Os criterios seguidos pola Administración ferrolá para seleccionar os lugares onde é posible instalar terrazas, previa comunicación ao Concello, atenden ás recomendacións feitas pola Policía Municipal co obxectivo de minimizar a alteración da circulación rodada.
O titular de Economía apuntou que os hostaleiros con locais nos tramos e rúas antes citados que desexen poñer ao ar libre terrazas deberán solicitado previamente no Concello de Ferrol. A Concellería de Economía ten habilitado unha taxa reducida especial para esta temporada de verán que é de 2 euros por mesa e día. Langtry Caínzos sinalou que practicamente todos os locais de hostalería situados na zona habilitada para a instalación de terrazas de verán pediron autorización para facelo..











