Ferrol aproba as axudas do bono bus universitario para estudantes ferroláns que estuden na cidade herculina
O Concello de Ferrol colaborará un ano máis coa Universidade da Coruña para o establecemento dun sistema de axudas económicas ó bono bus para alumnado universitario empadroado no termo municipal ferrolá e que se despraza diariamente á cidade herculina para cursar os seus estudos nas Facultades e Escolas universitarias situadas na Coruña. O concelleiro de Cultura e Universidade, Manuel-Reyes García Hurtado, deu conta esta mañá deste asunto aos grupos municipais na comisión informativa de Cultura, Educación, Deportes e Turismo. Así, o goberno municipal aprobou a proposta do convenio de colaboración e cooperación económica co organismo educativo para o desenvolvemento das achegas de transporte dende o 2 de setembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2014.
Outro dos asuntos abordados na comisión informativa de hoxe e que saíu adiante, foi a proposta do convenio coa Asociación Micolóxica Viriato para o desenvolvemento da “XXVII Semana Micolóxica de Ferrol”. A concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, explicou que este acordo de cooperación permitirá a organización da vixésimo sétima edición destas xornadas micolóxicas entre os días 21 e 26 de outubro de 2013. Esta celebración acollerá unha macroexposición de cogomelos, talleres de plástica, un ciclo de conferencias e obradoiros, e unha excursión micolóxica aos montes da comarca de Ferrolterra. A achega municipal destinada para a “XXVII Semana Microlóxica de Ferrol” será de 3.000 euros.











