Ferrol amplía a axuda a asociación Lazos cun convenio nominativo dunha contía de 3.000 euros
O Goberno Municipal de Ferrol a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro, vén renovar o convenio anual de colaboración estable que o Concello de Ferrol mantén coa entidade Lazos Pro Solidariedade. A contía deste acordo de colaboración ascende a 3.000 euros cos que a asociación financiará o seu proxecto de “Prevención do VIH en mozos/as de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)”.
Martínez Beceiro explicou que esta achega da Administración municipal suporá a posta en marcha “dunha acción de sensibilización e de formación que intenta previr novas infeccións polo VIH entre os estudantes de 3º e 4º da ESO de Ferrol e comarca, dotándoos de ferramentas persoais e colectivas que favorezan condutas responsables cara unha sexualidade responsable e segura”.
A colaboración do Executivo ferrolán con Lazos non se limita a este convenio nominativo. A edil de Benestar Social explicou que o Concello, por medio do Plan de Oportunidades, porá en marcha con esta entidade unha nova axuda centrada en financiar programas asistenciais, proxectos e actividades que Lazos desenvolve ao longo de todo o ano. Martínez Beceiro apuntou que o montante desta axuda superará á contía do convenio anual. Así mesmo, cómpre lembrar que Lazos é unha das asociacións de ámbito social que se ten beneficiado da cesión dun local de propiedade municipal no barrio de Recimil. “A prioridade da Concellería de Benestar Social e do conxunto do Goberno Municipal son as persoas; e así o estamos a demostrar dende o inicio do mandato incrementando ano tras ano o diñeiro destinado a políticas de atención social e ós convenios coa rede de entidades sociais que traballan na cidade”, dixo a concelleira ferrolá.











