Ferrol abre o prazo de presentación de solicitudes para as becas de comedor escolar e de axuda á escolarización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Concellería de Benestar Social, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe que o prazo para a presentación de solicitudes para as becas de comedor escolar e axudas á escolarización para o vindeiro curso 2013-2014 estará aberto ata o día 12 de agosto. As bases reguladores da concesión destas achegas municipais especifican que as bolsas están dirixidas tanto a escolares de colexios públicos como concertados. Non haberá teito de gasto para que non exista lista de espera.

No que atinxe aos datos do curso 2012-2013, foron concedidas un total de 350 becas de comedor, das que 124 foron ao alumnado de colexios concertados e 226 a escolares pertencentes a colexios públicos. Con respecto ao investimento, durante o pasado ano académico foron destinados un total de 217.00 euros a becas de comedor escolar, co que se mantén a liña ascendente que comezou ao inicio do presente mandato. Así, no curso 2010/11 o gasto neste concepto foi de 179.000 euros, cantidade que o actual executivo local incrementou até os 182.000 euros no curso 2011/12 e que volveu a subir no ano académico que vén de rematar até situarse nos xa mencionados 217.000 euros. En canto as becas para a compra de libros de texto e diverso material escolar, cómpre lembrar que o número de beneficiarios no curso que vén de rematar foi de 648 escolares, e que o gasto feito nestas axudas chegou aos 60.652 euros. Esta cantidade supón tamén un importante aumento con respecto ao curso 2011/12, que foi de 44.100 euros.

Beneficiarios e requisitos

As becas de comedor escolar e axudas á escolarización están dirixidas a unidades familiar de convivencia con menores de idade a cargo, escolarizados en centros en ensino -públicos e concertado- da localidade en que se impartan estudios de educación infantil e primaria e que conten con servizo de comedor no termo municipal de Ferrol. As persoas beneficiarias destas achegas deberán cumprir os seguintes requisitos: estar empadroado e residir no Concello de Ferrol; convivir cos menores para os que se solicita a beca de comedor; que o menor este matriculado (ou ter reservada a praza) en centros escolares públicos ou concertados do termo municipal que conten co servizo de comedor en educación infantil ou primaria; que os ingresos económicos da unidade familiar non superen os máximos establecidos nas bases; presentar a solicitude e a documentación requirida en tempo e forma establecida polo Concello de Ferrol; e no caso de ser beneficiario/a da beca no curso anterior, ter cumpridas as obrigas establecidas nas bases que regulaban esta axuda en dito curso.

16 de xullo de 2013 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.