Fernando Guitián e Patricia Durán visitan o campamento de ocio Gondoverán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+
Visita ao campamento lúdico de Gondomar

Visita ao campamento lúdico Gondoverán

O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, e a concelleira de Igualdade, Patricia Durán, visitaron esta mañá o GONDOVERÁN, un campamento de ocio e tempo libre no que participarán 70 nenos e nenas, de entre 3 e 11 anos, durante todo o mes de xullo.

Esta iniciativa, posta en marcha pola Concellaría de Igualdade a través do Centro de Información á Muller e cofinanciada polos fondos da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Igualdade, ten como obxectivo favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo, ao tempo que potenciar o desenvolvemento integral do neno/a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e coñecemento do ámbito próximo, dende unha pedagoxía do ocio baseada na educación en igualdade e hábitos saudables.

Durante a primeira quincena, as distintas actividades que se desenvolverán xirarán en torno á arte. En Xogando coa arte, os nenos e nenas repartiranse en catro grupos: As Témperas (de 3 a 4 anos), Os Picassos (de 5 anos),  Os Da Vinci (de 6 e 7 anos) e Os Van Gogh (de 8 a 11 anos). Entre todos elaborarán murais, e pinturas inspiradas en artistas como Van Gogh, Miró ou Pollock e construirán paisaxes con froitas como o artista británico Carl Warner, entre outras actividades.

Baixo o nome de Eureka, a segunda quincena do campamento dedicarase aos inventos.

Ao longo do Gondoverán, o Caderno de Bitácora converterase no particular diario dos nenos e nenas que plasmarán nel todas as vivencias que recollerán durante este mes cheo de diversión.

Patricia Durán, recoñece estar moi satisfeita coa grande acollida que o Gondoverán tivo na súa segunda edición. “Este ano houbo moita solicitudes. Pasamos de 68 no 2012, a 105 neste 2013”.

O Gondoverán continuará durante todo o mes de xullo en horario de 08.00 a 15.00 horas no CEIP Chano Piñeiro.

1 de xullo de 2013 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.