Falamedesansadurnino.org xa conta con máis dun cento de documentos e continúa medrando

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

A versión dixital da lenda -con foto e sonido- é o resultado dunha das actividades desenvolvidas polos cativos no programa de conciliación organizado polo Concello. Unha visita ao contorno do Xuvia serviu de escusa para deixar constancia das súas impresións sobre o río e o contacto coa natureza, pero tamén para revivir a tradición oral a través da lenda do Pozo dos Donceis que, segundo se di, agocha unha porta máxica a un mundo de esplendorosas riquezas. Iso si, a porta está gardada por unha fada e, tal e como contan os nenos, quen se aventure nel pagará un alto prezo.

A lenda está ilustrada cunha fotografía do lugar máxico e conta coa súa correspondente ficha e mapa de localización no noso territorio. De feito, falamedesansadurnino.org está estruturada en pequenos apartados agrupados tematicamente para que sexa máis doado atopar o que nos interese. Comezou como un espazo para a lembranza de tempos pasados pero a web acubilla contidos máis actuais, como por exemplo o video de protesta da ANPA polo “repagamento” do comedor escolar.

Falamedesansadurnino.org conta con preto dunha vintena de arquivos sonoros de todo tipo e case un cento de arquivos gráficos, entre fotos, videos e textos escaneados. Aínda así quere continuar medrando. Por iso, calquera persoa que queira contribuír pode facelo enviando os seus contidos ou ben achegándose á aula da Rede CeMIT para que lle axuden a preparalos e subilos. Ademais, desde hai escasos días poden deixarse comentarios para enriquecer aínda máis a información publicada.

22 de xullo de 2013 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.