Entréganse á xunta veciñal de Doniños os dous primeiros exemplares editados da obra de Gumersindo Díaz García
A concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, entregou hoxe á Xunta Veciñal de Doniños a reedición dos exemplares de O lago de dous nenos e de Historia de Doniños, de Gumersindo Díaz García. O Concello de Ferrol asinou un convenio coa entidade veciñal, o pasado 10 de decembro de 2012, para facerse cargo do legado de manuscritos do poeta e novelista ferrolán. Este acordo daba resposta á demanda dos veciños de Doniños para a boa conservación dos exemplares que Gumersindo Díaz lles cedeu.
Actualmente, os exemplares orixinais destas dúas obras atópanse nunhas caixas de conservación na Biblioteca Municipal. A edición dalgunhas das obras do poeta ferrolán, que forman parte do patrimonio cultural da cidade, facilitará a súa difusión e consulta tanto nas dependencias municipais como na biblioteca da entidade veciñal. Gumersindo Díaz García naceu en Doniños o 25 de setembro de 1893 e ao longo da súa vida escribiu un total de 43 libros en lingua galega e castelá. Entre os exemplares que serán reeditados atópanse a comedia en tres actos “A Caloña entre loureiros” e “Avelaíñas de outono”.
Gumersindo Díaz é nomeado en 1953 membro non numerario da Real Academia Galega. Morre en Ferrol en 1978 e dende 1993 a Biblioteca da Xunta Veciñal de Doniños leva o seu nome.











