Entrega de diplomas do curso “Introdución ás Redes Sociais e Community Manager”

Foto de familia cos asistentes ao curso
A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid presidiu a entrega de diplomas aos alumnos do curso “Introdución ás Redes Sociais e Community Manager” que se impartiu, entre o 21 de maio e o 28 de xuño no Centro Municipal de Emprego de Los Rosales e que o Concello organiza en colaboración coa Asociación da Prensa da Coruña (APC).
A iniciativa impulsada pola Concellaría de Emprego e Empresa obtivo un grande éxito, ao igual que a primeira edición do seminario, celebrado o pasado mes de outubro cando as prazas ofertadas, todas gratuítas, se cubriron en apenas dous días. O curso está dirixido a profesionais dos medios de comunicación no paro ou en activo que ao longo de 50 horas afondaron na xestión do papel do Community Manager, nos aspectos técnicos e a filosofía das redes sociais, analizando as súas potencialidades, o tipo de público que as frecuenta e o estilo de comunicación axeitado a cada unha delas.
Cid recordou que o sector da comunicación é un dos máis afectados polo desemprego non só pola crise, tamén pola chegada “imparable” das novas tecnoloxías. Por esta razón, a edil animou aos xornalistas a formarse para dominar as novas ferramentas, instrumentos indispensables -engadiu- para o traballo da prensa.
No acto celebrado no Pazo Municipal a concelleira estivo acompañada polo presidente da Asociación da Prensa da Coruña, Manuel González.











