Empezan as obras do edificio anexo ao Pazo da Marquesa en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+
Labores de acondicionamento do edificio

Labores de acondicionamento do edificio

258.950,27 euros. Esa é a cifra coa que a empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L. se impuxo a outras 16 candidatas no concurso convocado polo Concello de San Sadurniño para recuperar por completo o edificio anexo ao pazo da marquesa. As obras comezaron onte e deberán estar listas ao longo do mes de setembro. O Concello destinará o edificio a escola infantil e centro de servizos con locais para o emprendemento. O inicio das obras cadra co proceso de contratación do equipamento interior do pazo da marquesa mediante un concurso cifrado en 137.500 euros. As empresas teñen de prazo até o venres para presentar propostas.

A antiga casa de acollida das Hijas de Cristo Rey encara a súa recta final para converterse nun novo espazo municipal. Este luns un equipo ataviado con buzos e mascariñas especiais empezou a traballar nel polo tellado retirando ducias de vellas -e tóxicas- uralitas. Este material está considerado un residuo perigoso cando se manipula polo seu alto contido en amianto, moi prexudicial por inhalación a medio e longo prazo.

Por esta razón os operarios desparafusaron cada unha das planchas con coidado de que non rompesen. Cumpriu baixalas a ras do chan cun guindastre -o mesmo que se usará na demolición- envoltas en plásticos antes de depositalas nun colector especial no que serán trasladadas a un centro de tratamento especializado. Estes traballos requiren unha autorización especial da Xunta. A demora no permiso retrasou varios días o inicio das obras. 

Con todo a maquinaria está xa en marcha. O proxecto arquitectónico reflicte un bloque de menor altura que contribúa a realzar a figura do pazo histórico recén restaurado ao seu carón. Pero tamén define un inmoble que, sendo máis pequeno, será máis doado de manter ao reducirse a cantidade de enerxía necesaria para alumeados ou calefacción.  A proposta combina espazo para acoller servizos e un alto grao de eficiencia enerxética que minimice os gastos de mantemento.

A empresa adxudicataria do derrubamento parcial e das obras de rehabilitación comprometeuse a deixar listo o edificio en 90 días. Este prazo é importante, xa que a Deputación da Coruña financia parte dos traballos e establece no convenio suscrito co Concello que deberán estar rematados no mes de setembro. 

Os usos que terá o inmoble están xa definidos: no baixo prepararase un recinto para acoller o antes posible unha escola infantila para nenos e nenas de 0 a 3 anos, mentres que o andar superior se acondicionará a medio prazo como centro de servizos destinado, principalmente, ao emprendemento. Trátase de poñer á disposición das pequenas empresas, sobre todo das que están empezando, locais onde poidan exercer a súa actividade por un prezo asequible. Profesións liberais, creativas, de base tecnolóxica e outras que requiren pouca infraestrutura terán sitio no edificio anexo, co que o Concello busca dinamizar en certa medida a economía local.

Equipamento do pazo

O comezo das obras no edificio anexo cadra no tempo co proceso de contratación do equipamento interior do pazo da marquesa por importe de 137.500 euros. As obras están rematadas desde hai semanas e só falta adecentar a entrada do edificio repoñendo a zona axardinada e instalar o mobiliario e outro equipamento técnico. 

O proxecto fala de labores de carpintaría interior coa colocación de mamparas divisorias en varias dependencias. Ademais tamén recolle unha rede informática de alta velocidade xestionada por un servidor central e acompañada dun sistema de proxección e outro de megafonía para o salón de sesións, de maneira que se facilitará a gravación e incluso a difusión dos plenos por internet.

Por outra banda, o prego técnico establece os criterios de colocación da sinalización e da cartelaría interior xunto coa dotación con mesas, cadeiras e estantes de todas as oficinas. Por último, o proxecto inclúe  o equipamento do arquivo municipal, que levará estanterías móbiles de cara a aproveitar ao máximo o espazo dispoñible.

O acondicionamento exterior da entrada e a instalación de elementos están cifrados en algo máis de 28.000 euros, mentres que o material en si anda preto dos 80.000. A cifra exacta do proxecto son 113.636,36 euros que, cun 21% de ive, quedan en 137.500 euros dos que a Deputación achega un 80%. 

Os traballos saíron a contratación cun prazo máximo de execución de 2 meses. Deste xeito e cumpríndose as previsións, todo o conxunto arquitectónico -a nova casa consistorial e o edificio anexo- estarían rematados a mediados do outono.

16 de xullo de 2013 | 10:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.