Educación adxudicou o 81% do presuposto dedicado á mellora e mantemento dos centros escolares da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, informou, esta mañá, dos investimentos en obras menores e mantemento realizados polo seu departamento nos centros escolares da cidade: “Adxudicamos, ao chegar co fin de curso, o 81% do presuposto total, un récord histórico para este concello”, sinalou e engadiu que nos últimos 24 anos non existe precedente de contar con todas as obras adxudicadas para comezar o 1 de xullo.

Tal e como explicou o concelleiro, os traballos continuarán durante os meses de xullo e agosto co obxectivo de que os 26 centros públicos de Infantil e Primaria da cidade estean en perfectas condicións para o inicio do curso 2013/2014. “Estes datos confirman o compromiso firme e inequívoco do Goberno local polo gasto social en educación. Un gasto social que se incrementa ano tras ano, despois dunha análise rigorosa das necesidades de cada centro, tal e como demanda a cidadanía e o contexto económico actual, en canto a eficiencia no gasto público e transparencia na xestión das diferentes obras de investimento e reparación nos centros educativos de Infantil e Primaria da cidade”.

Mourelo informou de que, no que vai de ano, a Concellaría adxudicou 791.822,41 euros dos 977.715,61 do presuposto total destinado a traballos de mellora e mantemento de centros escolares: “É dicir un 81%, unha cantidade que supón un incremento dun 56% con respecto ao presuposto adxudicado nestas mesmas datas no curso pasado e establece un récord histórico na concellaría en canto a presuposto adxudicado ao finalizar o curso escolar,”. Mourelo aclarou que o 19% restante se reserva para as reparacións que poidan xurdir no primeiro trimestre do curso escolar e recordou que o presuposto para investimentos menores e mantemento nos Ceips para o ano 2013 se incrementou nun 1,67% respecto ao curso pasado.

Mourelo detallou os traballos realizados. Os 791.822,41 euros adxudicados ata a data supoñen:

– Obras menores de investimento: 36 intervencións en 22 dos 26 Ceips públicos o que implica que se atenden as necesidades do 85% dos centros de Infantil e Primaria, ademais das obras realizadas en 2 escolas infantís municipais. Estas obras menores de investimento están a ser realizadas por 18 empresas diferentes que presentaron a mellor oferta económica para cada proxecto.

– Obras de mantemento: 31 intervencións en 19 Ceips, o que supón o 73%, ademais das reparacións efectuadas en 3 escolas infantís municipais. Estas obras de mantemento están a ser realizadas por 10 empresas diferentes coa mellor oferta para cada proxecto, a maiores do contrato de mantemento que a Concellaría ten en vigor con outra empresa para atender reparacións ao longo do curso escolar.

“O noso compromiso é que as instalacións educativas estean nas mellores condicións posibles para que os escolares coruñeses poidan facer uso delas durante o curso escolar 2013/2014. Tan importante como a calidade do ensino e a educación é que esta se produza nun ámbito agradable e axeitado ás necesidades dos alumnos”, finalizou.

19 de xullo de 2013 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.