“Desordes Creativas” arranca en Ordes con máis dunha ducia de artistas locais, nacionais e estranxeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOrdes
A-
A+

Ordes acolle un ano máis o festival de arte urbana na rúa máis importante de toda a comunidade. Máis dunha ducia de artistas traballan dende hoxe e ata o 28 de xullo nas fachadas, muros e espazos públicos para deixar a súa pegada creativa sempre co denominador común de tratar de transmitir unha mensaxe de concienciación ou crítica relacionada con aspectos e problemáticas da sociedade actual.

Nesta ocasión os encargados de realizar estes murais que cada vez atraen a máis xente á vila de Ordes e a colocan no circuíto internacional de arte urbana son: Escif, Liquen, Zosen, Secone, Isaac Cordal, Mr Thoms, E1000INK, Nómada, Nana, Nas, Peri, Mou e Sokram. Artistas locais pero tamén chegados doutros puntos do territorio nacional e internacional como Valencia, Barcelona, Almería, Vigo, Rianxo, Madrid ou Roma.

Como novidade este ano Desordes Creativas presenta un ciclo audiovisual baseado na arte urbana. A cita terá lugar os día 25, 26 e 27 no auditorio da Casa da Cultura a partir das 18 horas. A organización do festival tamén ten anunciada unha festa-concerto de clausura de cara ao sábado 27 no Matadeiro. Alí estarán O Leo i Arremecághona, Magnifique Bande dos Homes sen Medo, Super 8, Croma e Supah Cam Selector. A entrada para ambas as citas será de balde para todos e todas os que desexen asistir.

22 de xullo de 2013 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.