Declaración Institucional do Concello de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol, tras reunión da Xunta de Voceiros dos Grupos Políticos representados na Coorporación Municipal, vén de acordar sumarse ao loito oficial de sete días decretado pola Xunta de Galicia con motivo do fatídico accidente ferroviario acontecido na xornada de onte en Santiago de Compostela. Por iso dende esta mañá as bandeiras do Pazo Municipal ondean a media asta e as insignias situadas nos despachos de alcaldía e salón de plenos lucirán crespóns negros en sinal de dor e respecto. Así mesmo, facemos un chamamento á cidadanía a participar na concentración silenciosa de cinco minutos que se levará a cabo mañá venres, ás 12 do mediodía, na praza de Armas.

A corporación municipal de Ferrol, en nome de todos os veciños e veciñas da cidade, trasladan o seu máis sentido pésame a todos os familiares das persoas falecidas, e expresamos a nosa solidariedade cos dos feridos. Queremos subliñar as mostras de apoio que dende o primeiro momento do sinistro mostraron moitos cidadáns que acudiron á chamada dos servizos sanitarios e doaron o seu sangue para atender ás vítimas. Tamén destacamos a profesionalidade e o esforzo excepcional de todo o persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde, así como dos efectivos de emerxencia da comunidade autónoma: bombeiros, policía e protección civil. Neste punto, agradecemos a disposición amosada onte pola policía municipal, bombeiros efectivos da agrupación de voluntarios de protección civil da nosa cidade e por integrantes de emerxencias 112 que durante a noite e parte da madrugada de onte atenderon a familiares nestas dependencias municipais.

Nestes momentos tan difíciles. O pobo de Ferrol séntese conmovido e moi preto das familias e esta corporación municipal reitera a súa solidariedade e apoio a todas elas.

25 de xullo de 2013 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.