Declaración do Concello de Ames con motivo do Día de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+

No Día de Galicia, o Concello de Ames quere unirse á conmemoración do día grande de todos os galegos e galegas, unha xornada festiva na que homenaxeamos á nosa terra, á nosa identidade e á nosa lingua. Neste 25 de xullo de 2013, o Concello amosa un ano máis o seu firme compromiso con todos os veciños e veciñas de Ames e a súa aposta por reforzar todo aquilo que nos une como pobo, sumando esforzos e traballando todos xuntos en favor dos intereses do noso municipio. Temos un compromiso con Ames, cos amienses e, en definitiva, con toda Galicia.

Queremos que este Día de Galicia nos sirva a todos e a todas para loitar por conservar o que temos, os nosos sinais de identidade, a nosa lingua e a nosa cultura. Este 2013 é especialmente significativo para Ames no eido da cultura, xa que se cumpre o 150 aniversario da primeira edición de Cantares Galegos de Rosalía de Castro, unha obra que marcou o inicio dun novo rexurdir da literatura galega. Neste Día de Galicia queremos lembrar a estreita vinculación de Ames coa escritora galega, que residiu en Ortoño, onde segue a súa casa, un espazo de grande significación cultural. O Concello está fortemente comprometido coa difusión do legado de Rosalía de Castro, promovendo actuacións que permitan que chegue a todos veciños e veciñas de Ames.

O obxectivo principal que nos marcamos é traballar para mellorar o benestar dos cidadáns de Ames, un esforzo co que contribuímos a aportar o noso gran de area ao progreso de Galicia. Con todo, somos conscientes de que aínda queda moito por facer, especialmente nun contexto como o actual, marcado pola incerteza económica. E é que non seríamos fieis ao espírito que inspira esta conmemoración do Día de Galicia se nos esqueceramos dos problemas que afrontamos a día de hoxe todos os galegos e galegas. Ante esta situación, o Concello de Ames afronta o futuro con esforzo, traballo e ilusión e coa sólida intención de seguir traballando polo benestar dos nosos veciños e veciñas.

Os membros do Goberno estamos firmemente convencidos de que a situación económica e financeira non debe afectar á calidade dos servizos que se prestan, senón que, ao contrario, debe valernos como acicate para reforzalos. Por todas estas razóns, aproveitemos esta conmemoración para procurar entre todos e todas solucións aos problemas reais das persoas, apoiándonos no moito que nos une e tomando un novo impulso. Unha desas cuestións que nos cohesiona e nos fai ser máis fortes é, sen ningunha dúbida, o benestar de Ames porque levamos a Ames no corazón e na cabeza, para construír entre todos e todas un futuro mellor.

24 de xullo de 2013 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.