Debate sobre o audiovisual galego no curso de extensión universitaria que se celebrará en Celanova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+

Na Deputación de Ourense tivo lugar hoxe a presentación do X Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, enmarcado nos cursos de extensión universitaria do Campus de Ourense, que terá lugar os días 17, 18 e 19 de xullo en Celanova.

O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares; o director do CeMAC, Miguel Anxo Fernández; o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o director do obradoiro audiovisual “Celanova pató de ficción”, Paulino Pérez.

A Fundación Carlos Casares, coa Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova e a Deputación de Ourense organizan este curso que este ano abordará o tema “O audiovisual galego: presente cambiante e alternativas de futuro”, que reunirá na vila celanovesa a cualificados especialistas e profesionais do sector para disertar ao redor das diferentes disciplinas.

Manuel Baltar dixo na presentación que Celanova sempre destacou pola súa tradición e riqueza cultural “e agora, un ano máis, e xa van dez, convértese no centro do audiovisual galego durante tres días, acollendo un curso que por calidade e interese dos temas, é, sen dúbidas, unha plataforma innovadora para poñer en valor as ideas dos novos creadores do noso audiovisual”.

Os obxectivos do curso son, por unha banda, dar oportunidade aos creadores para presentar e debater co público ao redor da súa obra, e, por outra, “contribuír á visibilidade do cine propio, nun contexto aínda adverso para a difusión por motivos estritos de mercado”, explicou o director do curso, Miguel Anxo Fernández. O curso reforza o seu valor co engadido de estar dirixido con preferencia á comunidade universitaria con afán formativo e divulgativo, pero, ao tempo, ao cidadán interesando por coñecer o estado actual do audiovisual producido ou coproducido dende Galicia.

Segundo os organizadores, para esta edición optouse por un programa variado que igualmente reflicta a versatilidade do formato longametraxe (ficción, animación, documental), tamén da curtametraxe (animación), as producións feitas utilizando as novas tecnoloxías (series online) e, finalmente, a boa saúde creativa do audiovisual feito en Galicia.

Tres xornadas sobre as que reflexionar como o audiovisual galego persegue consolidar a súa potencia creadora e a súa identidade á vez que, nun contexto de crise económica como o actual, ou simplemente por convicción propia, axustar os seus medios de produción para reafirmarse como cine singular e diferente.

10 de xullo de 2013 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.