publicidade hoxe

Culleredo comeza un plan especial de tráfico no Burgo con 1.500 prazas de aparcamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O Concello de Culleredo leva a cabo dende hoxe un plan de tráfico e seguridade especial con motivo das festas patronais do Burgo, que se prolongarán ata o próximo domingo 28. Con esta acción, o goberno municipal persegue garantir a mobilidade e accesibilidade para os asistentes aos festexos.

A Policía Local de Culleredo conformou un dispositivo, tendo en conta a programación das festas, as necesidades dos veciños que acudan a pé ou en coche, e en base á experiencia de edicións anteriores.

O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Riobóo, sinala que a provisión de prazas de aparcadoiro constitúe unha das prioridades do plan. O Concello habilitará zonas especiais para o estacionamento de máis de 1.500 vehículos.

Por un lado, o goberno local asinou un acordo co hipermercado Gadis do paseo marítimo para poder usar o seu aparcadoiro nas festas. Isto propicia 200 prazas en superficie e 600 en subterráneo. O aparcadoiro contará con vixilancia privada e estará aberto ata as 6.00 de cada xornada de festexos.

E por outro lado, o Concello habilitará unha gran zona de estacionamento no paseo marítimo, pasado o xardín botánico, que será aberta se se completan os aparcadoiros do hipermercado.

As persoas con mobilidade reducida terán reservadas dúas zonas de aparcadoiro: na rúa Templarios e na avenida de Juan Carlos I (fronte a Gadis). Trátase de dous puntos moi próximos ao núcleo da festa. Con esta medida, o Concello duplica o número de prazas para este colectivo, alcanzando as 18.

Finalmente, os vehículos de emerxencia terán a súa zona reservada na avenida de Juan Carlos I, xunto á festa. E os taxis poderán parar para recoller ou deixar viaxeiros no carril exterior da rotonda da AC-211 coa avenida de Juan Carlos I.

Riobóo destaca que as medidas “facilitarán o acceso seguro a unhas festas que reciben miles de persoas”. O concelleiro de Seguridade Ciudadana resalta o incremento de lugares reservados para persoas con mobilidade reducida para facer dos festexos un evento “para todos”.

Seguridade cidadá

A Policía Local e Protección Civil velarán de forma especial pola seguridade dos peóns durante as festas. Algunhas das medidas consistirán na continua presenza policial no paso de peóns xunto á ponte sobre a ría; o valado da avenida da Coruña para prover un espazo seguro para os viandantes; e un control exhaustivo sobre os aparcadoiros indebidos en zonas para peóns.

Dada a grande afluencia de público que se espera e para evitar riscos sobre as persoas, o Concello cortará ao tráfico a avenida de Juan Carlos I entre a AC-211 e a rúa Pintor Argüelles en horario de 17.00 a 8.00 horas, salvo o xoves e o domingo que será de 12.00 a 8.00 horas.

En materia de seguridade cidadá, a Policía Local estableceu unha coordinación continua coa Garda Civil que facilite o traballo de vixilancia e control. Haberá un importante reforzo nocturno, con máis patrullas municipais e do Instituto Armado, que tamén mobilizará grupos de intervención rápida. En total, cada noite haberá 14 patrullas de efectivos de seguridade nas festas. A Garda Civil contará tamén con axentes de paisano que faciliten a actuación.

O primeiro tenente de alcalde apunta que en todo momento haberá un posto de atención ao cidadán nas festas para que reciba a atención das forzas de seguridade que necesite.

Riobóo destaca a “fundamental colaboración” coa Garda Civil para ofrecer un dispositivo de seguridade tan amplo.

23 de xullo de 2013 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.