Corporación e veciños de Carballo solidarízanse coas vítimas e feridos do accidente de Santiago

Concentración en Carballo
Con motivo do dramático accidente de tren acontecido na tarde do mércores 24 de xullo en Santiago de Compostela, o Concello de Carballo fixo un chamamento á cidadanía para que ás 12.00 horas do venres 26 de xullo participase nunha concentración diante da casa consistorial na que se gardaron cinco minutos de silencio. Arredor dun centenar de persoas se achegaron para amosar o seu respecto e solidariedade coas vítimas do terrible descarrilamento en Angrois que polo de agora ten causado 78 mortos e 130 feridos, así como coas súas amizades e familiares. Na cita participaron traballadores do Concello, a ampla maioría dos membros da corporación, e veciños e veciñas da vila. Ademais, respectando os días de loito, as bandeiras que presiden o edificio do Concello estarán a media asta. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiu un acto no que desexou a pronta recuperación dos feridos, entre os que se atopan “persoas que viven entre nós” pero que “afortunadamente” parece que van sobrevivir, e desexou que “accidentes coma este non se volvan a producir”. Así mesmo, quixo agradecer a “solidariedade” dos presentes. Hai que mencionar que o Concello ten suspendido as actividades culturais e lúdicas previstas para esta fin de semana incluídas no programa Verán Cultural en sinal de respecto ás vítimas. Así, a organización do VIII Festival Sereas e Piratas, formada pola Asociación Cultural Rebeldía, coa que colabora o Concello de Carballo, anuncia o aprazamento do festival, probablemente até o sábado 31 de agosto, aínda que a data definitiva está pendente de confirmación.
Así, José Antonio Deus e Bea Fernández, de Rebeldía, explicaron que en principio manteñen a idea de celebrar a cita, e contan coa colaboración de todos os grupos do cartel, así como coa presenza na nova data das citas deportivas de skate, surf e volei que se ían celebrar o sábado 27 de xullo. A única excepción é a celebración do Campionato Galego de Surf Junior, que conta para a clasificación española, e que terá lugar o sábado 27 de xullo, como estaba previsto, ao ser unha proba que depende da Federación Española. En todo caso, os participantes nesta proba renderán homenaxe ás vítimas ás 12.00 horas cunha ofrenda floral no mar e gardando cinco minutos de silencio. Respecto das entradas ao Sereas e Piratas, Rebeldía explica que quen queiran conservalas poderán asistir á cita en agosto sen ningún problema, mentres que quen queiran devolvelas recuperarán os seus cartos. Tan só teñen que dirixirse ao punto de venda onde as adquiriron. Dende a Asociación Cultural Rebeldía queren mandar o seu apoio e cariño a todos os familiares de vítimas e feridos.
Por outra banda, con motivo dos sete días de loito oficial decretado pola Xunta de Galicia a causa do tráxico accidente de tren, o Concello de Carballo suspende o espectáculo infantil “Catalina Lino Lina” previsto para o venres 26 de xullo ás 20.00 horas no Xardín Municipal. Esta actuación queda posposta para o venres 30 de agosto na mesma hora e no mesmo horario.











