Concurso de pinchos na I Feira Chalana de Raxó, en Poio
O mércores 3 de xullo, ás 17 h. no peirao de Raxó, Pepe Vieira, xunto con cinco dos mellores cociñeiros da provincia, catarán e valorarán os pinchos que presentan 14 locais de hostelaría de Raxó que participan no roteiro do pincho que con grande afluencia e aceptación de público se desenvolve dende o 28 de xuño ao 7 de xullo dentro da I Feira Chalana de Raxó, que inclúe asemade actuacións de música tradicional, todos os días a partir das 21 h.
O evento está organizado pola Asociación de Deseño Atlántico, a Concellaría de Cultura do Concello de Poio, o colectivo de hosteleiros de Raxó, e colaboran a Sociedade Cultural Deportiva coa exposición de fotografía antiga “Raxó en branco e negro”, a Asociación Amigos da Dorna de Raxó e o Club Náutico coa exposición dunha chalana, e o domingo 7, o Club Mariño A Reiboa cunha exhibición de vela de embarcacións tradicionais.











