“Conciliamos xogando” comeza as actividades do verán en Neda

Actividades deportivas de “Conciliamos xogando”
Medio centenar de nenos e nenas de Neda de entre 3 e 12 anos iniciaron no día de onte o programa municipal “Conciliamos xogando”, un servizo de atención á infancia para permitir que os pais e nais da localidade compatibilicen a súa vida persoal e familiar coa laboral durante as vacacións escolares. Guiadas por seis monitores de Motus, as actividades desenvolveránse ata o día 31 no colexio público San Isidro e nas instalacións da piscina municipal. É un servizo gratuíto, con custe cero para os usuarios. Organizado pola Concellería de Igualdade, o programa “Conciliamos xogando” está co-financiado polo Concello de Neda e a Deputación Provincial da Coruña. Ofrece aos nenos e nenas unha oferta de actividades de ocio didáctico e, entre estas, xogos ao aire libre, talleres de manualidades, de disfraces ou sesións de piscina.











