Concello e Club Laracha en Dúas Rodas inaugurarán a ruta permanente en BTT o 27 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaDeportesLocal
A-
A+

O Concello da Laracha e o club ciclista Laracha en Dúas Rodas inaugurarán este sábado a ruta permanente de BTT (bicicleta de montaña), cuxo percorrido foi deseñado pola entidade deportiva e sinalizado sobre o terreo polo consistorio local.

O acto de presentación oficial da ruta terá lugar a partir das 10.00 horas na Praza do Concello. A continuación, a práctica totalidade dos integrantes do club ciclista larachés realizarán o percorrido, convidando a todas as persoas que o desexen a acompañalos.

Esta ruta ciclista é a primeira que se establece de xeito oficial e permanente no municipio. O inicio e final están fixados no centro do casco urbano da Laracha. Ten unha distancia total duns 44 quilómetros e discorre por lugares de gran beleza natural, paisaxística e tamén de importancia cultural e histórica para o Concello da Laracha, tales como o leito do río Anllóns (fronte ao paseo fluvial, desde Gabenlle ata O Formigueiro), miradoiro de Santa Marta, mosteiro de San Pedro de Soandres e, entre outros puntos, o centro de interpretación dos muíños de auga da Costa da Morte (museo da casa reitoral de Golmar).

Aínda que a dificultade da ruta é media e alcanza os 1.100 metros de desnivel acumulado, está deseñada para que poida ser realizada mesmo por persoas que se inician na práctica desta modalidade deportiva ao ter unha dificultade técnica baixa, máis tendo en conta as actuacións desenvolvidas durante os últimos meses para o acondicionamento dos camiños polos que discorre co obxectivo de garantir unha maior seguridade dos ciclistas.

O Concello da Laracha instalou setenta indicadores ao longo do itinerario para poñer en valor a ruta e facilitar a súa realización por parte do público en xeral en calquera época do ano na que as condicións climatolóxicas o permitan e sen necesidade de guías.

Ademais, outra das posibilidades que ofrece esta ruta permanente é poder realizada a pé, sendo o percorrido perfectamente apto para as persoas que practican sendeirismo.

Desde o Concello da Laracha sempre se apoiou esta iniciativa do club Laracha en Dúas Rodas por considerar que establecer unha ruta permanente para realizar en bicicleta de montaña ou a pé leva consigo poñer en valor o patrimonio natural e histórico do municipio, promover a práctica do deporte e dos estilos de vida saudables e mesmo será un reclamo turístico xa que, polas súas características, este percorrido larachés será desde a súa inauguración un itinerario de referencia na comarca de Bergantiños.

24 de xullo de 2013 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.