publicidade hoxe

Comunicado do Concello de Culleredo sobre as festas do Burgo e Castelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O Concello de Culleredo e a Comisión de Festas, que organiza os festexos do Burgo, mantiveron na mañá de hoxe unha reunión para tomar unha decisión sobre os actos da parroquia, unha vez que no día de onte foron suspendidso en solidariedade coas vítimas do accidente de tren acontecido o mércores en Santiago de Compostela.

No encontro analizáronse diversos factores concluíndo na decisión de continuar as festas no día de hoxe. Para tomar esta decisión, a Comisión de Festas e o Concello tiveron en conta a repercusión económica que supoñería a cancelación permanente dos festexos, tanto para a Comisión como para os feirantes.

Tanto os organizadores das festas coma o goberno municipal coinciden en sinalar os graves prexuízos económicos que esa decisión levaría consigo para moitas familias, unha consecuencia que non se pode admitir, máxime nunha situación de crise como a actual.

Esta medida foi consultada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para ir en comuñón coas decisións similares que se están a adoptar na comunidade galega.

O Concello de Culleredo destaca a compresión, solidariedade e esforzo económico levado a cabo onte polos feirantes, que aceptaron o peche das atraccións a pesar do custo que os implicou. Nin un só posto do recinto abriu como mostra de respecto as vítimas desta traxedia. Todos mostraron a súa consternación polo suceso e sumaron o seu gran de area, aínda procedendo doutras rexións.

Ademais, o goberno municipal agradece aos veciños e visitantes que entendesen a decisión de suspender os actos previstos para a xornada de onte.

A Comisión de Festas do Burgo explica que a decisión era a apropiada en sinal de respecto ás vítimas. Apunta que a reanudación dende hoxe é necesaria para evitar graves danos económicos.

A Comisión decidiu trasladar as actuacións previstas para onte para o luns, así como os lumes artificiais de fin de festa que ían realizarse o domingo. Ademais, os pasacalles previstos para onte trasládanse a mañá sábado.

Castelo

O equipo de goberno quere facer extensible este agradecemento á Comisión de Festas e veciños de Castelo, que onte concluían os festexos e se sumaron tamén á decisión de cancelalos en solidariedade cos afectados no accidente.

A Comisión de Festas de Castelo manifesta que a decisión era totalmente “comprensible” e apunta que os veciños entenderon perfectamente a medida.

26 de xullo de 2013 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.