Comezan as labores de supervisión das atraccións itinerantes das festas de verán de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

O Concello de Pontevedra inicia nestes días a supervisión das atraccións itinerantes que se están a instalar no Recinto Feiral con motivo da celebración das festas de Santiguiño do Burgo.

A consultaría técnica Enmacosa está a realizar esta revisión, que se repetirá o vindeiro 5 de agosto, no centro urbano para as festas da Peregrina. O exame ten carácter case que exclusivo, dado que non se executa con este nivel de especialización en ningunha -ou practicamente ningunha- outra cidade española. Algunhas localidades galegas e doutros puntos do Estado si están a sumarse pouco a pouco á iniciativa, na que Pontevedra foi pioneira hai xa máis dunha década, cando Enmacosa realizou a primeira revisión para Peregrina 2003.

Os técnicos seguen un protocolo específico para garantir a realización dun exame o máis completo posible de cada unha das atraccións. Deste xeito, solicitan a documentación preceptiva de cada instalación (seguro de responsabilidade civil e as súas coberturas, libro de operacións, manual técnico ou proxecto…).

Comproban, tamén, que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.

Analízanse así mesmo outros requisitos sobre a seguridade do público e do contorno, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os recorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral.

Con respecto á estabilidade estrutural, Enmacosa controla que letreiros, focos ou carcasas embelecedoras teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares amosen un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización. De feito, non se permiten cintos de seguridade desgastados ou que xeren folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou corte na subministración, se poidan afrouxar co peso ou o empuxe do usuario.

O traballo de Enmacosa complétase finalmente cunha revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade. Unha vez en marcha as atraccións, deberán amosar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese para os usuarios que detallen especificamente os riscos e no seu caso as limitacións de idade e altura.

Para a execución deste tipo de inspeccións, Enmacosa conta con equipos multidisciplinares compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e pneumáticas.

23 de xullo de 2013 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.