Comezan as finais nacionais de Billar Pool no Carballiño
Comezaron esta mañá no Pavillón Paco Chao de Carballiño (Ourense) os Campionatos Nacionais de Billar Pool. Esta edición, e malia a crise, a participación foi elevada, e as partidas que nesta xornada se viron foron nalgúns casos de moi alto nivel. Hoxe disputáronse as Finais Nacionais de Billar Pool, que veñen sendo as competicións onde están en xogo as prazas para xogar o próximo ano o Campionato do Mundo na cidade de Las Vegas. Foron nesta ocasión 5 as prazas en xogo que formarán a selección Española, e polo tanto os encargados de defender as nosas cores no máis importante e numeroso campionato de billar pool afeccionada. A estas horas ningunha praza ten nome propio xa que se están a xogar as últimas roldas. Mañá volven rodar as bólas nos tapetes dende as 12.00 horas cos enfrontamentos da competición de Equipos e dende as 19.00 horas os Campionatos de España Individuais e o Open Internacional. Ás 18.00 horas de mañá farase entrega dos trofeos aos mellores das competicións de hoxe e procederase á Presentación Oficial destes Campionatos Nacionais de Billar Pool. Recordar tamén a todos os que estean interesados en coñecer un pouco máis deste deporte que a entrada é gratuíta.











