Comeza o curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio
O curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio que organiza o Concello da Laracha coa colaboración económica da Consellería de Traballo e Benestar xa está en marcha.
As quince alumnas foron recibidas nas instalacións do centro sociocultural de Lendo polo alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de emprego, Rocío López, o persoal docente e o equipo coordinador da acción formativa, encabezado pola responsable da axencia de emprego e desenvolvemento local do Concello da Laracha.
Durante os próximos meses impartiranse as 618 horas lectivas do curso, das cales 120 corresponden á parte práctica. As alumnas que o completen recibirán o correspondente título homologado e o certificado de profesionalidade que as capacitará oficialmente para traballar neste sector.
Na presentación o alcalde lembrou que se trata dunha acción formativa da que se beneficiarán persoas de toda a comarca de Bergantiños, non so do Concello da Laracha. De feito, das quince alumnas, ademais de A Laracha, tamén hai alumnas procedentes de Carballo, Laxe, Cabana e Coristanco.
José Manuel López Varela animou ás participantes a sacar o “máximo proveito” do curso, xa que se trata dun sector con certa demanda de emprego e, por tanto, esta é unha excelente opción para “ampliar o currículum e aumentar as posibilidades de inserción no mercado laboral”. Cabe lembrar que a acción formativa vai dirixida a persoas que se atopan en situación de desemprego e que a selección das alumnas realizouse tras solicitar á Oficina de Emprego de Carballo un listado de persoas que se adecuasen ao perfil requirido.
Por último, o alcalde tamén fixo referencia aos cursos de atención a persoas dependentes no domicilio e en institucións sociais desenvolvidos nos dous últimos anos no centro sociocultural de Lendo baixo a organización do Concello da Laracha. O rexedor municipal asegurou que foron postos como exemplo de bo funcionamento por parte da Xunta de Galicia en toda a comunidade autónoma e lembrou a visita por parte do Comisario Europeo, Lazlo Andor, no ano pasado.
A Consellería de Traballo e Benestar, coa colaboración do Fondo Social Europeo, financiará integramente este curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, cuxo orzamento ascende a 58.600 euros.
Deste xeito, a Xunta de Galicia e o Concello da Laracha volven apostar e a tomar medidas de interese para potenciar a formación das persoas desempregadas e ofrecerlles novas vías para a súa inserción no mercado laboral.











