Cincuenta veciños de Frades participan nunha excursión ao Aquapark

Grupo de veciños que visitaron o Aquapark
Cincuenta veciños e veciñas de Frades, entre nenos e maiores, participaron esta fin de semana na primeira das actividades do Programa de Verán do Concello de Frades: unha excursión ao Aquapark de Cerceda. A expedición saíu de Frades ás 11:30 horas, para volver ás 20:00 horas logo dun día de intensa calor.
O Concello de Frades subvencionou o autobús que os desprazou ata Cerceda, polo que para os menores de 4 anos tiveron entrada gratuíta e o resto de veciños aboaron tan só 5 euros (excepto os non empadroados, que tiveron que pagar 8 euros).
Día do neno
A próxima iniciativa incluída dentro do Programa de Verán do Concello de Frades é o Día do Neno, que terá lugar na tarde do sábado 13 de xullo. A partir das 15:00 horas, a piscina municipal de Papucín acollerá unha gran festa con inchables, xogos, tren turístico, festa da escuma e unha actuación sorpresa. A participación nesta festa é totalmente libre e de balde.











