Cen novos usuarios súmanse na primeira metade do ano aos máis de 500 que rexistra a Aula Cemit de Tomiño

Participantes na Aula Cemit
So nos dous primeiros trimestres do 2013, a aula CeMit de Tomiño, rexistrou máis de cen novos usuarios, facendo un total de case seiscentos usuarios rexistrados en total. Asemade, realizáronse trinta obradoiros, cun total de 218 horas impartidas, nos que participaron unhas duascentas cincuenta persoas, aproximadamente.
Entre os novos usuarios rexistrados nos primeiros trimestres do ano (101), 51 son mulleres e 50 homes, cunha media de idade de 40 anos (a maioría concéntranse nos tramos de 26 a 65 anos). O nivel de formación en novas tecnoloxías destas persoas é, na gran maioría, básico ou inexistente.
O número de usos (cada acceso que os usuarios fan nos centros e servizos das aulas CeMit) ascendeu a 3271.
As accións desenvólvense na aula principal (sita no Campo da Feira, s/n) e noutra de carácter móbil, que ten lugar nos diferentes locais de asociacións ou do propio Concello nas parroquias. Para esta actividade, a aula posúe seis ordenadores portátiles e outros equipos necesarios para impartir as clases (canón, cámara dixital, micrófonos e auriculares, etc.).
Os obradoiros son as actividades formativas principais da Rede CeMit. Polo seu carácter eminentemente práctico, son de corta duración. No primeiro trimestre deste ano, apuntáronse aos talleres un centenar de persoas, na súa meirande parte, mulleres. As temáticas abordadas foron iniciación á informática e a internet, correo electrónico, mensaxería instantánea e procesador de textos, sen esquecer o obradoiro “Miradas de Muller”, de retoque fotográfico.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, salientou a importancia de achegar as novas tecnoloxías a veciños e veciñas do todo municipio, especialmente, a aqueles que viven nas zonas máis illadas.
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica é unha iniciativa posta en marcha pola Xunta da Galicia que busca impulsar as TIC e a Sociedade da Información na comunidade galega.











