Cedeira acollerá o concerto do proxecto musical aCadaCanto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCedeiraLocal
A-
A+

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado, 13 de xullo, o concerto de aCadaCanto, proxecto musical que uniu por primeira vez as carreiras da cedeiresa Guadi Galego -voz-, Xabier Díaz -voz-, Guillerme Fernández -guitarra- e Xosé Lois Romero -acordeón-. Todos eles, compañeiros noutras formacións como Berrogüetto, Espido ou Nova Galega de Danza. A partir das 22 horas e con entradas ao prezo único de oito euros, presentarán o seu disco homónimo, sexto título do selo discográfico Músicas de Salitre.

Trece cancións na súa maioría orixinais, creadas polos integrantes de aCadaCanto, e algunha que outra procedente da música tradicional galega. Este traballo presentábase cun concerto en directo en maio, no certame Festiletras de Ponteceso e, nos próximos meses, a formación
percorrerá con el as principais cidades de Galicia.

A idea de poñer en marcha aCadaCanto xorde na cidade de Ourense, no transcurso dun concerto de Fuxan vos Ventos no que Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero participaron como convidados. Este sábado, poderemos ver o resultado da súa unión musical no Auditorio de Cedeira.

8 de xullo de 2013 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.