Cedeira acollerá este sábado a segunda edición do Acuatlón
A vila celebrará este sábado, 20 de xullo, a segunda edición do Acuatlón Vila de Cedeira. Organizado polo Club Natación Cedeira-Muebles García, conta coa colaboración do Concello que preside Leopoldo Rubido. A proba dará comezo ás 15 horas, con punto de saída na praia da Madalena e as persoas interesadas en anotarse poderán facelo ata o mesmo día da cita deportiva. Aínda así, cabe sinalar que as prazas están limitadas a 150. Deste modo, para anotarse poden facelo no teléfono 646 289 440 ou o correo electrónico cnatacioncedeira@gmail.com. O custo da inscrición é de tres euros para as categorías Promesa, Benxamín, Cría e Cadete e de oito para Junior, Absoluto e Veterano.
O II Acuatlón Vila de Cedeira estrutúrase en tres fases: carreira, natación e carreira e, nelas, en función das idades, os participantes terán que cubrir diferentes distancias que oscilan entre os 300 metros e 2,5 quilómetros no caso da carreira e os 100 e 1000 metros no da natación. Unha cita que se prevé congregue un bo número de afeccionados ao deporte, tanto a nivel de participantes como de espectadores.











