Cedeira acolle unha Feira na que mestres artesáns crearán en directo as súas obras

Un dos artesáns realizando abalorios
Artesanía á medida e gusto do cliente. Así podería definirse o traballo que realizan os mestres artesáns que, dende esta mañá, participan na Feira que celebrará Cedeira ata o próximo domingo. Unha cita innovadora por canto o público pode seguir en directo a creación que máis tarde poderá adquirir, mesmo achegando as súas suxestións no mesmo proceso.
Poderíase dicir, pois, que a Feira ofrece pezas únicas. Segundo explicou o concelleiro de Promoción Turística, Luis Rubido, preto dunha vintena de postos integran o mercado, emprazado no casco histórico, entre as pontes que salvan o río Condomiñas. Alí elaboran e ofrecen os seus produtos ao visitante. Dende xoias ata xabóns, pasando por pinturas ou pezas de roupa. Para todos os gustos. A esta oferta súmanse tamén os produtos gastronómicos, como queixos, embutidos, doces ou lambetadas, pero neste caso a súa calidade e orixe artesán vén acreditado pola Carta de Produto Artesán que acompaña o posto, dada a imposibilidade de elaboralo no mesmo lugar.
A Feira de Mestres Artesáns permanecerá aberta ata o próximo domingo, en horario de mañá (de 11 a 14 horas) e de tarde (dende as 18 horas en diante). Nesta liña, o edil Luis Rubido destacaba a positiva resposta dada polo público na primeira xornada da feira. Unha boa acollida que se espera manter e incrementar de cara á fin de semana.
Cedeira convértese así no punto de partida dunha Ruta que levará aos Mestres Artesáns por toda a Comunidade galega e, máis concretamente, por catorce municipios da costa. Por último, dende a Concellaría de Promoción Turística e Cultura, invítase veciños e visitantes a gozar desta proposta novidosa.











