Cedeira abre o prazo de preinscrición nos cursos de natación que celebrará en agosto
O Concello de Cedeira segue aumentando a oferta de actividades durante os meses de verán. Unha programación centrada na práctica deportiva coa que se quere ofrecer actividades de calidade e fomentar hábitos de vida saudables entre os nenos, mozos e adultos do municipio. Así, a Concellaría de Deportes e Xuventude anunciou esta mañá que as persoas interesadas en participar nos cursos de natación que organiza o Concello para o mes de agosto poden formalizar a preinscrición dende hoxe mesmo. Neste caso, os cursos están pensados para os máis pequenos e tamén para o público adulto, co que a idade mínima será de tres anos sen límites para a máxima.
Tan só deben acudir ás oficinas do pavillón polideportivo municipal e cursar a solicitude. Iso si, antes do próximo día 21 de xullo. Do 23 ao 29 deste mes, o persoal destas instalacións deportivas confirmarán a praza do curso aos participantes, que deberán pagar a taxa correspondente no banco. A partir de entón, publicaranse os listados cos horarios das clases. As sesións se celebrarán o próximo mes, en horario de mañá. Por último, dende o Concello anímase á cidadanía a anotarse nesta iniciativa.











