Catro saharauís pasan en Carballo o verán co programa “Vacacións en paz”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Recibimento aos cativos na Casa Consistorial

Recibimento aos cativos na Casa Consistorial

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro, recibiu na Casa do Concello a un grupo de catro nenos e nenas saharauís e ás súas familias de acollida no municipio. Os rapaces e rapazas están pasando os meses de xullo e agosto con veciños e veciñas carballeses a través do programa “Vacacións en paz”. A iniciativa desenvólvese a través dun convenio entre a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e o Concello de Carballo, que desde hai anos mantén un acordo coa entidade polo que se subvenciona a contía dos billetes de avión para estes nenos e nenas. Así, a administración local selecciona as casas de acollida entre quen o solicite a través do departamento de Servizos Sociais e abona o billete de ida e volta a Santiago de Compostela, así como o traslado dende o aeroporto e o seguro de responsabilidade civil, colectivo e de repatriación de tres dos cativos e cativas. O convenio establece que de haber máis beneficiarios -como neste caso, con un máis- é a ONG quen asume os seus gastos. As crianzas proceden todas elas de campamentos de refuxiados saharauís situados en Alxeria (a maioría de Tindouf) e son fillos dos saharauís que abandonaron os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español en 1975. Silvana Castro quixo agradecer o esforzo que fan as familias, algunhas delas dende xa hai máis de cinco anos, ao acolleren a estas crianzas, xa que “é unha iniciativa digna de poñer en valor”. A concelleira manifestou a vontade do Concello de seguir colaborando para que en anos sucesivos máis cativos e cativas poidan evitar as duras condicións de vida que padecen nos campamentos de refuxiados no verán, con temperaturas que poden acadar os 50 graos. O Alcalde, Evencio Ferrero, reiterou os agradecementos da concelleira, e desexou que Nacións Unidas ao fin remate con este conflito e “os pobos sexan quen de rexer o seu propio destino” e acadar a “autodeterminación”. Ferrero aproveitou para entregarlle aos nenos e nenas unha bolsa con agasallos para que “teñan bo recordo de Galicia”. Durante o acto as familias, algunhas delas veteranas no programa, manifestaron a súa alegría de poder contar con estes visitantes e incluso relataron algunhas anécdotas. Así, hai unha familia que leva acollendo ao mesmo neno durante seis anos, sendo esta a súa derradeira estadía xa que só poden vir dende os 7 ou 8 anos e até os 12 ou 13, dependendo dos campamentos. Para el, os primeiros días da súa primeira estadía, a bañeira era a “piscina”. Para outros, resulta tamén moi importante o feito de contar con enerxía eléctrica, xa que non dispoñen dela nos seus campamentos. A estadía remata a primeiros de setembro, cando os cativos e cativas volven ao Sáhara.

O programa “Vacacións en paz” pretende promover, entre a sociedade galega, os valores de tolerancia e solidariedade facilitando así a convivencia e integración de todas as persoas na comunidade. Tamén pretende ofrecerlles a estas nenas e nenos nados no medio dun clima de guerra e sometidos ás súas dúbidas, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento co Pobo Saharauí.

18 de xullo de 2013 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.